Dende fai un tempo na Asociación estamos a investigar sobre as posibilidades de uso de drons e software libre para obter imaxes aéreas que poidan servir como cartografía base para certos proxectos e ser empregadas xunto con OpenStreetMap. Para iso contamos coa colaboración de Xeoinquedos e xuntos estivemos a explorar varias opcións ata que contactamos coa xente do proxecto DroneMapZ de Zaragoza, quenes levaban xa tempo explorando tamén esta vía.

Froito destes contactos o vindeiro sábado 17 de Xuño organizamos en Vigo unha xornada que denominamos DronDay, onde grazas a Fran e Xosé Luis faremos unha introdución a todas estas tecnoloxías aberta ao público. Pola maña faremos varios voos con diferentes drons para ver como se poden obter imaxes aéreas dunha zona, e despois, xa pola tarde veremos como procesar todas esas imaxes, con software libre, para poder empregalas como base en OpenStreetMap, dispoñendo así de información sobre a que xerar nova cartografía coas ferramentas de OSM.

Na páxina web que fixemos para o evento podedes atopar toda a información en detalle, así como a ligazón para inscribirse no mesmo, xa que polas características da xornada temos prazas limitadas.

Esta actividade forma parte das que dende a Asociación Ghandalf facemos en colaboración coa AMTEGA, a través do convenio que asinamos para a difusión do software libre en Galicia.