A Asociación GHANDALF, ao abeiro do Convenio 2010 entre as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e maila Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, inicia o proceso de concesión de dúas Bolsas a estudantes universitarios de disciplinas técnicas relacionadas co Software (Enxeñería Informática, Telecomunicacións, Industriais e relacionados) para que o Proxecto Fin de Carreira (PFC) que leven a cabo desenvolva sistemas/aplicacións Software Libre, ou aporte valor técnico no ecosistema do Software Libre.

A intención desta actividade é darlle apoio e orientación técnica a estudantes para que o Proxecto Fin de Carreira que desenvolvan estea imbuído pola filosofía do Software Libre, e ao mesmo tempo poida aportar o seu gran de area no enriquecemento do ecosistema galego do Software Libre.

As bases da convocatoria, e o procedemento para concorrer na mesma, achéganse conxuntamente con esta nova. Só tes que premer neste enlace para ver as bases da convocatoria, ou ben neste outro enlace se queres deixar comentarios sobre o texto da propia convocatoria.

Se estás a voltas co PFC… anímate a participar!